Pituquito é un rapaciño novo que desfruta da natureza,
do parque, dos amigos, dos tiktoks
mentres loita, desde a súa inocencia,
contra unha chea de inxustizas
que vai atopando no camiño.

Ero Vázquez crea no ano 2024 este personaxe,
o seu propio heroe polichinesco,
para dar voz á rebeldía propia da adolescencia.
Coa súa cultura e linguaxe modernas
e unha actitude vivaz e descarada,
fai reflexionar a grandes e pequenos
sobre temas de actualidade desde o humor e a ironía.

Pituquito é xa protagonista de dúas obras
de títere tradicional de cachiporra no noso repertorio,
coas que vai percorrendo festivais de títeres e música,
centros educativos, festas, centros culturais
ou espazos teatrais menos convencionais.

AS AVENTURAS DE PITUQUITO


Unha obra cómica para todos os públicos
de 50 minutos de duración.

Dirección: Ero Vázquez Cabrera
Titiriteiro:
Ero Vázquez Cabrera
Bonecos e escenografía:
Isa G. Coldeira
Ero Vázquez Cabrera

PITUQUITO LITERAL



Pituquito Literal consta de dúas pezas
de teatro guiñol con entremeses.

Expolio será a primeira, na que Pituquito,
coa súa astucia e lóxica, conseguirá bloquear
todas as empresas que Millonetis monta
para seguir enchendo o seu saco de cartos
sen ter en conta a destrución da natureza
que conlevan, logrando manter
o seu contorno libre de expolio.



Na segunda peza, contaremos cun Cupido moi moderno, cunha Demo namorada e con Pituquito,
que por fin arrisca e se declara á súa mellor amiga. Veremos triunfar o amor inocente e sincero sobre a obsesión do amor manipulador co que a Demo intenta conseguir que Pituquito se namore dela.


Entre pezas,
representamos a nosa versión do Barbeiro,
un clásico dos Robertos portugueses,
do que Pituquito sairá vencedor,
aínda que algo mareado.

Unha obra cómica para todos os públicos
de 50 minutos de duración.

Dirección: Ero Vázquez Cabrera
Titiriteir@s:
Isa G. Coldeira
Ero Vázquez Cabrera
Bonecos e escenografía:
Isa G. Coldeira
Ero Vázquez Cabrera

Scroll Up
Galego