KINETIKO
nace a finais do ano 2020 a partir das inquedanzas, xogos, investigacións e experiencias de Ero Vázquez e Manu Taboada: unha serie de nove pezas autómatas totalmente artesanais, coa intención de dar a coñecer e poñer en valor o universo dos autómatas.
Este dúo de artesáns fanse chamar Xirapaus.
En KINETIKO pódense atopar:
Personaxes musicais que, a partir de mecanismos,
crean sons e ritmos.
Historias e contos que nacen do movemento dunha manivela.
Efectos especiais utilizados tradicionalmente na escena teatral ou no cine.
Un teatriño de guiñol automatizado que rende homenaxe ao tradicional títere de cachiporra.

Esta proposta preséntase en forma de exposición con visitas guiadas teatralizadas.
Cada peza ten a súa historia: falamos de técnica, pero tamén de tradición, ecoloxía e cultura popular, adaptando o discurso á idade e aos intereses específicos do grupo de participantes.
KINETIKO é unha instalación que combina xogo, arte e técnica, interxeracional e adaptable a calquera espazo e evento.
Cada pase da visita guiada ten unha duración aproximada de 30 minutos, podendo facer ata 14 pases por día en eventos abertos ao público xeral.
No caso de centros educativos, pódese manter o tempo de exposición ou alongalo para atender as dúbidas e cuestións que sempre xorden entre o alumnado. Por experiencias previas, calculamos entre 45 e 60 minutos por pase.
Adaptámonos ás necesidades de cada evento, sempre que as pezas estean protexidas da choiva ou do sol directo.


