Ero Vázquez comeza a andaina no mundo dos autómatas no ano 2020 xunto a Manu Taboada, creando KINETIKO,
unha serie de nove pezas artesanais automatizadas que presentan en forma de exposición con visitas guiadas teatralizadas
en centros culturais, feiras, festas, festivais de títeres e centros educativos, cunha gran acollida por parte do público
de calquera idade, xa que o discurso dos creadores se adapta á idade e ás inquedanzas de cada grupo asistente.




A seguinte peza creada por estes dous artesáns foi un encargo do Concello de Lalín (Pontevedra) para o Museo do Xoguete e da Marioneta, onde se pode ver en funcionamento desde o ano 2022.
Trátase dun retablo baseado nos apuntes de Domingo Martínez de Presa na obra Fuerza del ingenio humano y inventiva suya,
publicada no ano 1662, na que se describe que pezas habería neste retablo e que movementos leva a cabo cada unha delas,
non estando demostrado que o autor chegase a construír esta peza.

A partir do ano 2023, Ero continúa en solitario co estudo dos automatismos, creando varias pezas pequenas por encargo.
No Nadal de 2025 achega unha nova peza ao Museo do Belén de Begonte chamada O Belén dentro do Belén,na que se poden ver catro escenas en movemento.
Na actualidade traballa no deseño e construción dunha serie de autómatas que poidan ser manexados para xogar con eles, ao tempo que dá visibilidade a distintos heroes europeos da cachiporra, como son Barriga Verde, Dona Barriga Verde, Don Roberto, Kasparek, Maese Gignol…


