Trécola fórmase como compañía profesional no ano 1981, da man de Fernanda Cabrera Varela e Rafael Vázquez Núñez, recuperando a tradición das marionetas de fíos para Galicia co espectáculo “Teatriño de Feiras”, estreado en Solláns o día das Letras Galegas de 1982.
Dende o principio foi unha compañía que traballou por elevar a categoría artística dos títeres e obxectos como protagonistas dentro da dramaturxia.
Tras vinte anos de traxectoria falece Fernanda Cabrera, peza fundamental da compañía e a historia do títere en Galicia.
Déixanos a herdanza da definición dun estilo e estética vencellada ao arte contemporáneo e iniciativas de desenvolvemento profesional e dinamización cultural, ademáis de actividades de solidaridade no oficio como foron os chamados “Domingos de Furabolos” ou os “Encontros dos Titiriteiros Galegos”.
Con esta idea, a compañía sigue adiante en mans de Rafael Vázquez e máis Ero Vázquez Cabrera, creando unha serie de espectáculos baseados no Teatro en Negro con títeres e obxectos.
A partires do ano 2006, Ero Vázquez Cabrera faise cargo da compañía xunto a Isa García Coldeira renacendo con novos proxectos sen esquecer as creacións xa existentes.
Na súa experimentación sobre a base do Teatro en Negro crean “Historias de Títeres”, unha obra de guiñol representada sen telón que cubra @s titiriteir@s, sendo est@s invisibles.
Tamén xogando coa iluminación e marionetas xigantes destacamos “Turandot, a princesa de xeo” creada en colaboración coa Asociación Lírica de Galicia , “Traxicomedia de Calixto e Celestino” con bonecos de bocón e varilla, “O agasallo de Anya”, “Tolitates” pantomima con títeres e obxectos…
Esta segunda xeración da compañía estrea máis de vinte montaxes e continúa con parte do seu repertorio anterior, actuando en Teatros, Auditorios, Casas de Cultura, Bibliotecas, Festivais de Títeres, Colexios, Salóns de Actos, Prazas…
No ano 2020 nace Xirapaus, un proxecto de deseño e construcción de autómatas no que entra a participar Manu Taboada.
Medra de novo a compañía no ano 2022 entrando en escea a terceira xeración de Trécola coa participación de Ura Vázquez García, tanto sobre as táboas como no taller artesán.
Seguimos a tirar do fío dunha proposta estética baseada nunha continua labor de creación, experimentación e de produción de taller, con medios propios e unha clara filosofía de autoprodución.